ACHÉGASE O ENTROIDO!

O equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro quixo achegar un dos traxes máis tradicionais do entroido ourensán, ós nenos e nenas de 6º de Educación Primaria, dun xeito diferente e, para iso, convidou a Alba Pazos, membro da Asociación A Pantalla de Xinzo de Limia para que nos ensinara máis de preto o traxe de pantalla e, ademais, nos falara dun dos Entroidos máis recoñecidos e eloxidados da nosa provincia que, o ano pasado, foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional.

Alba falounos das tradicións desta festa e do seu calendario que ocupa todo o mes de febreiro. Manifestounos que a súa asociación ten o compromiso de gardar os valores que foron transmitidos e recibidos dos seus maiores e que, ademais, teñen a tarefa de transmitir eses mesmos valores ás vindeiras xeracións.

Trouxo con ela algunha das partes máis importantes do traxe: a carauta, a vexiga e o cinto de campás e axóuxeres; e tivemos a oportunidade de poder probalos. E nós, pola nosa parte, ensinámoslle con moito agarimo as nosas carautas feitas na clase de Arst&Crafts.