A Festa da Lingua é unha xuntanza con outros centros da provincia que se organiza dende o EDLG da provincia e que facemos para manifestar o noso amor pola lingua, polas nosas Letras e pola nosa cultura, Escolas Católicas de Galicia patrocínaa e, nós, Carmelitas Ourense, somos os anfitrións e os que argallamos todo.
Cada centro participante trae unha actuación para facer e pasamos unha mañá moi agradable. O que se trata sempre é de facer algo arredor das Letras Galegas; cada centro prepara algo para conmemoralas e, este ano, como as Letras eran para as cantareiras, as nosas actuacións foron arredor desta temática.
Os nosos alumnos e alumnas de 5º de Educación Primaria do noso cole, interpretaron a canción Terra de Tanxugueiras, xunto coas mestras, Conchi López, María José Vázquez e Rosa Rodríguez.
O acto foi presentado por Gabriel Alejos e Xurxo Rodríguez, alumnos do centro, e deunos a benvida Maló Atrio, a nosa directora pedagóxica e coordinadora de Pastoral, e Charo Valeirón, coordinadora do departamento de Innovación Pedagóxica de Escolas Católicas.
Tivemos a sorte de contar con dúas actuacións estelares, a primeira, Uxía Morán, actriz e contacontos que fixo un manifesto a prol do galego e, a segunda, as Silveiras do Támega, que pecharon o acto da mellor maneira posible, cantando cantigas da nosa provincia.
Foi un día xenial!