Estes días estamos a celebrar no noso centro o Día de Rosalía a través de diferentes actividades: lectura de poemas, acto no Concello con outros coles da cidade, obradoiros creativos, música, celebración no comedor co "caldo de gloria", murais colaborativos e momentos para compartir e sentir a forza da súa palabra.
Un dos momentos máis especiais da xornada de onte foi a visita de antigas mestras do colexio, Fernanda e Rosi Redonet, que quixeron acompañarnos e facer unha fermosa achega á celebración. Declamáronlles poemas ao alumnado con gran sensibilidade e ensináronlles como a poesía tamén pode cobrar vida a través da música, amosando diferentes maneiras de musicalizar os versos de Rosalía e facéndonos sentir a súa obra dun xeito máis próximo e emocionante.
A figura de Rosalía de Castro acompañounos ao longo do día de onte, lembrándonos o valor da nosa lingua, da nosa terra e da loita pola dignidade. A súa vida, marcada polas dificultades pero tamén pola valentía e o compromiso, segue a ser exemplo para todas e todos.
Nesta celebración tamén quixemos establecer unha fermosa ligazón coa fundadora do noso colexio, Santa Joaquina de Vedruna, muller forte, decidida e entregada aos demais. A pesar de vivir en contextos distintos, ambas compartiron unha vida de superación, fe nos seus ideais e unha fonda preocupación polas persoas máis vulnerables.
Dúas mulleres pioneiras, dúas vidas marcadas pola loita e pola esperanza, que nos inspiran a educar en valores, igualdade e compromiso.
Seguimos camiñando coa forza da palabra e do exemplo.
