Equipo corresponsable: Un proxecto para construír unha sociedade máis igualitaria!

O ANPA do noso colexio tráenos o proxecto «Equipo corresponsable», unha iniciativa que busca promover a igualdade e concienciar sobre a importancia de compartir as tarefas e responsabilidades da vida cotiá. Susana Pérez e Eva Castro, expertas e consultoras en proxectos educativos detrás de Aula Inversa, recoñecidas pola coordinación e impartición de programas escolares de sensibilización centrados na igualdade, o comportamento corresponsable e o uso positivo das contornas dixitais en Galicia, foton as encargadas de explicarnos en que consiste dito proxecto, cales son os seus obxectivos e como podemos contribuír, desde pequenos xestos diarios, a construír unha sociedade máis igualitaria e corresponsable.

Ao longo de catro semanas, o alumnado de 6.º de Educación Primaria converterase no protagonista desta experiencia, participando en diferentes actividades e misións que lle permitirán reflexionar sobre a corresponsabilidade, a cooperación e a importancia de que todas as persoas se impliquen no reparto das tarefas e responsabilidades.

Unha vez rematado o proxecto, os traballos realizados e os resultados acadados daranse a coñecer mediante unha exposición aberta á comunidade, coa finalidade de compartir o aprendido e sensibilizar a sociedade sobre a necesidade de avanzar cara a unha igualdade real, tanto no ámbito familiar como no escolar e social.

Queremos agradecer ao ANPA do colexio, impulsor de traer esta iniciativa, así como a Susana e a Eva, o seu compromiso coa educación en valores e coa promoción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Porque a corresponsabilidade apréndese día a día e construír unha sociedade máis igualitaria é tarefa de todas e todos!


#EquipoCorresponsable #ANPA #AulaInversa #Corresponsabilidade #Igualdade #EducaciónEnValores #Coeducación #XuntaDeGalicia #Xacobeo2027